Saturday 18 de May de 2024

A fachada do Concello de Neda tinguirase de laranxa polo Día nacional da epilepsia


O Concello de Neda sumarase este mércores á conmemoración do Día nacional da epilepsia. E así, atendendo ao convite realizado dende a Asociación nacional de persoas con epilepsia (ANPE), a noite do 24 de maio a fachada da Casa Consistorial lucirá de cor laranxa, como xesto para dar visibilidade a quen padece esta enfermidade.

O consistorio colaborará deste xeito coa iniciativa estatal para “sacar da sombra” ás persoas que padecen este trastorno neurolóxico, caracterizado polas convulsións recorrentes, favorecendo a normalización desta enfermidade, rodeada de falsas crenzas e prexuízos, que afectan incluso á integración laboral do colectivo.

Ademais de coa iluminación especial, o Concello difundirá a través das súas redes sociais información de interese trasladada dende a asociación como as pautas de actuación ante unha crise epiléptica. A cifra de persoas afectadas vai en aumento e cada ano diagnostícanse en España entre 10.000 e 20.000 novos casos.